16/06/2016
Sepultura de D. Xosé María Pérez Parallé, que asinaba con frecuencia como Xosemaría Pérez Parallé, nado en Ferrol o 4 de agosto de 1909 e finado en Barallobre o 1 de novembro de 1987, foi un mestre e escritor galego.
A súa actividade cultural comezou en Santiago de Compostela, cidade na que realizou estudos universitarios de Dereito, Filosofía e Letras e Maxisterio, colaborando tamén en diversos xornais e participando dalgunhas iniciativas como a fundación da revista Abrente, xunto con Filgueira Valverde e outros escritores.
Regresou a Ferrol, onde participou na publicación republicana Renovación, así como nas actividades do Centro Obreiro de Cultura. Paralelamente comezou a desenvolver un intenso traballo poético que en gran parte permaneceu inédito até despois do seu pasamento, a pesar de recibir algúns premios puntuais, como un diploma no Certamen del Trabajo de 1935. A chegada da Guerra Civil truncou a meirande parte das súas actividades públicas. O autor limitouse ao seu traballo como mestre no Centro de Enseñanza General de Ferrol. Co tempo estabeleceuse na parroquia de Barallobre, no concello de Fene, próximo a Ferrol, terra na que pasou boa parte da súa vida e coa que estabeleceu unha fonda ligazón persoal, polo que foi denominado popularmente como o poeta do Penedo, lugar desta parroquia onde residiu.
No anos sesenta fíxose cargo dos labores de dinamización cultural do Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene, mentres seguiu a recibir premios nacionais e internacionais: entre eles o de 1964 da Radio-Televisión Francesa a dous poemas do seu libro Cartafol da saudade, ou a mención nos Xogos Florais de Pamplona de 1975. Faleceu en 1987. Nese mesmo ano, o Círculo Mercantil creou, na súa honra, o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Dende entón ten recibido multitude de homenaxes. En Ferrol foi nomeado Fillo predilecto da cidade e déuselle o seu nome a unha rúa do seu barrio natal, Canido. En Fene, ademais de apoiar o premio literario, o concello puxo o seu nome á Biblioteca Municipal, e tamén lle adicou un banco na Praza do Camiñante Descoñecido, dedicas aos máis destacados autores galegos. Frecuentemente organízanse tamén homenaxes á súa persoa por parte das asociacións culturais de Fene, así como unha forte reivindicación para que sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas.